Enfoque didáctico de Lingua galega e literatura

As unidades didácticas da materia foron definidas con base na secuenciación dos contidos establecidos no currículo vixente. Estas formulan uns obxectivos de aprendizaxe claros que deben servir para que o alumnado desenvolva principalmente a competencia comunicativa e todas as capacidades asociadas a esta. Ao mesmo tempo, adquire progresivamente un maior coñecemento da propia lingua e obteñen as ferramentas que o axudan a reflexionar sobre os mecanismos lingüísticos que regulan a comunicación. Desde a materia tamén se contribúe a reforzar e promover a capacidade para expresarse correctamente, a creatividade e o pensamento crítico, o que lle permitirá desenvolverse satisfactoriamente e con autonomía en situacións cotiás.

O enfoque da materia permite ao alumnado ter conciencia dos seus propios coñecementos, regular o seu propio proceso de aprendizaxe e adquirir de novos coñecementos. As propostas didácticas presentes nas distintas unidades deben contribuír a:

  • Comprender os principais conceptos e establecer relacións entre eles
  • Incidir naqueles contidos que presentan maior dificultade de aprendizaxe
  • Revisar e consolidar os coñecementos adquiridos con anterioridade, incidindo na súa importancia para asimilar os novos contidos.
  • Profundar e ampliar coñecementos
  • Desenvolver habilidades prácticas
  • Promover unha actitude reflexiva e a capacidade de cuestionar a realidade, así como adquirir unha conciencia baseada na tolerancia, a cooperación, a igualdade e a solidariedade.

O conxunto de propostas didácticas que se presentan está orientado a acadar as capacidades, destrezas e coñecementos das distintas competencias clave, especialmente a comunicarse axeitadamente en diferentes contextos, a razoar, a respectar as normas, a traballar de xeito individual ou en grupo, a atopar solucións a problemas ou conflitos ou a valorar o patrimonio literario e cultural, entre outras.

Os contidos e as propostas incluídas nas distintas unidades da materia están formuladas para que o alumnado vaia adquirindo as destrezas necesarias para comunicar con precisión as ideas, interpretar correctamente os textos escritos, realizar discursos cada vez máis elaborados e acordes coa situación comunicativa e manter unha actitude de escoita activa que lle permita interactuar, comprender e respectar as ideas dos demais.

Cada unidade dispón dunha lectura inicial que introduce o tema xeral da unidade e permite presentar contidos e conceptos que se desenvolverán ao longo dela nas distintas seccións que a constitúen. Con esta proposta exercítase a comprensión lectora de textos de tipoloxía e temática variada, a capacidade de discernir entre información relevante e secundaria, ademais de coñecer a utilidade de empregar os textos como fonte de información e ferramenta de aprendizaxe.

Os distintos apartados nos que se estrutura cada unidade abordan tamén a comunicación oral e escrita, a ortografía, a gramática, a literatura e diversos fenómenos sociolingüísticos no apartado "Lingua e sociedade".

A materia dispón de actividades diversas destinadas a axudar ao alumnado a asimilar as distintas vertentes da competencia comunicativa. Así, inclúense actividades para exercitar a comprensión oral como fragmentos de programas da televisión ou da radio, coas que potenciará a interacción lingüística co seu contorno. As diferentes variedades lingüísticas empregadas polos interlocutores promoven, ademais, a ampliación do vocabulario e a valoración da variedade interna da lingua como mostra de riqueza lingüística.

Alén diso, en cada unidade inclúense varios recursos interactivos que presentan varios contidos do tema dun xeito máis visual. Os devanditos contidos promoven a motivación e espertan o interese por participar na construción do propio coñecemento. Van acompañados de propostas variadas e información de utilidade para o profesorado: debates, presentacións, traballos colaborativos, elaboración de textos etc.

O mapa conceptual da unidade permite ao alumnado adquirir unha visión dos conceptos, feitos e fenómenos presentados en cada unidade e a relación existente entre eles de forma clara e ordenada.

Finalmente, a unidade péchase cunha serie de actividades prácticas de autoavaliación —fundamental para que o alumnado sexa consciente dos seus erros e aprenda deles—, así como cunha proposta de avaliación a partir dun exame a medida —segundo as necesidades e capacidades de cada alumno/a— elaborado con base nos contidos tratados.

A amplitude e variedade de recursos TIC, a flexibilidade da plataforma e a posibilidade que brinda de realizar un seguimento individualizado do alumnado, permiten adaptar libremente as propostas didácticas para atender do mellor xeito posible a diversidade na aula e aplicar as metodoloxías que mellor se axusten a cada situación e grupo-clase.