Desenvolvemento das competencias clave desde a área de Lingua galega e literatura

A área de Lingua galega e literatura, polo seu carácter global e interdisciplinar contribúe, sen dúbida, á adquisición das competencias clave. O seu enfoque da realidade realízase desde unha perspectiva que posibilita o desenvolvemento de múltiples habilidades que contribúen, á súa vez, ao desenvolvemento integral do alumnado.

Comunicación lingüística

A área de Lingua contribúe claramente ao desenvolvemento desta competencia, pois o currículo fai fincapé no uso social da lingua en todos os contextos comunicativos posibles. Trátase en boa medida de aprender a usar a linguaxe en xeral, e máis concretamente, a lingua galega, e recoñecer a súa validez para empregala en calquera contexto.

As habilidades e destrezas que o alumnado debe dominar ao final da etapa son a comprensión e interpretación de textos, mensaxes e explicacións diversas, a produción e interpretación de discursos orais de distinta natureza, a adquisición e o uso de vocabulario e estruturas gramaticais etc., tanto na fala como na escrita.

A área de Lingua permite, ademais, adquirir conciencia da realidade plurilingüe e multicultural en España e Europa.

Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía

A aprendizaxe de conceptos e habilidades na área de lingua favorece a competencia matemática en tanto que mellora distintos aspectos comunicativos que son necesarios para implementar procesos matemáticos, científicos e tecnolóxicos. Así, a mellora da comprensión lectora e da expresión escrita e oral favorecen a resolución de problemas matemáticos, a estrutura na construción de textos permite presentar con maior claridade as formulacións de hipóteses e as explicacións de experimentos e prácticas, a interpretación de textos facilita a comprensión de datos e enunciados etc.

Na materia de Lingua galega e literatura preséntanse tamén propostas específicas para traballar esta competencia de xeito transversal, como a resolución de problemas, a interpretación de datos nun gráfico...

O feito de poder aplicar a aprendizaxe da lingua a contextos reais permite que este adquira significatividade e funcionalidade.

Competencia dixital

Tanto a plataforma na que se presenta a materia como gran cantidade de propostas presentadas promoven e favorecen a procura, selección, comprensión e organización da información mediante o uso de ferramentas dixitais. Achéganse múltiples ligazóns a contidos e fontes para o que é preciso facer uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). Tamén se promove o uso de soportes electrónicos para a produción de textos, realizar presentacións de contidos, a investigación e localización de información específica etc., o que comporta a adquisición da competencia.

Aprender a aprender

A linguaxe, comprendida como ferramenta de construción do coñecemento, favorece o desenvolvemento desta competencia. Alén diso, a metodoloxía usada para a aprendizaxe da materia permite desenvolver a capacidade de reflexionar e xerar o propio coñecemento. Ademais, favorece a adquisición de hábitos de traballo autónomo por medio de técnicas variadas que axudan ao alumnado a reforzar a súa confianza. Así, para levar a cabo as distintas actividades propostas, o alumnado debe aplicar os coñecementos adquiridos e facer uso de distintas recursos e ferramentas que lle servirán para completar o proceso de aprendizaxe.

Competencias sociais e cívicas

Boa parte das propostas que se inclúen na materia implican a práctica de habilidades que favorecen a convivencia e o respecto entre as persoas, como a escoita activa, a expresión de opinións ou a interpretación de normas. Os debates, as entrevistas ou as propostas de traballo colaborativo permiten o desenvolvemento de condutas cívicas e responsables, e de valores como a tolerancia, a comprensión e o respecto, imprescindibles cando interactúan en distintas situacións cotiás.

Alén diso, a sección Lingua e sociedade está principalmente enfocada a que o alumnado aprenda a identificar e superar os prexuízos relacionados co uso das linguas.

Sentido de iniciativa e espírito emprendedor

A competencia para desenvolver o sentido da iniciativa e espírito emprendedor adquírese fundamentalmente mediante a participación do alumnado nas distintas actividades que requiren do traballo colaborativo. Esta proposta didáctica, suxerida con frecuencia nas fichas do profesorado, implica a participación formando parte dun equipo, e en ocasións lideralo, a toma de decisións, a resolución de problemas, a asunción de riscos ou a achega de propostas para acadar resultados satisfactorios.

Conciencia e expresións culturais

A competencia abórdase a través da percepción da lingua e a literatura como elementos culturais, así como do tratamento e análise de símbolos culturais propios. Achéganse tamén distintas mostras da literatura galega oral e escrita que constitúen outra fonte de coñecemento da nosa cultura.

Por último, cabe resaltar que o feito de que a lingua sexa a ferramenta para a expresión creativa completa a contribución da área á adquisición desta competencia.